23/9/2011

O cerebro está feito para as historias

Mentres preparaba algo para un congreso ao que despois non puiden asistir, tamén pensei sobre a utilidade das historias. Entre as ideas nas que cavilaba, algunhas fixeron que me lembrase do escritor Jostein Gaarder. Un día, nunha entrevista, unhas palabras súas chamaron a miña atención. Dixo: "O importante é que se sigan contando historias. O cerebro humano está feito para historias máis que para enciclopedias ou información dixital".

A partir desa afirmación, pregunteime: por que utilizamos as historias?

  • Contamos historias para facermos entender. Unha historia é unha explicación persuasiva de gran alcance, de longo percorrido. Por esa razón, sábese que os bos mestres sempre tratan de ilustrar algunha das aprendizaxes cun exemplo ou cunha historia. Pois tamén nos comunicamos mediante as estratexias da narración. O certo é que as historias axudan a pór en contexto os feitos e darlles un impacto emocional.
  • Escoitamos historias para comprender aos demais, e para aprender das nosas relacións. As historias son un xeito importante de recordar e aprender cousas. A miúdo son o vehículo mediante o cal se manifestan as nosas identidades e a pertenza a diferentes grupos. Gran parte do coñecemento dunha sociedade atópase nas súas historias. Así, os relatos en forma de anécdotas son unha peza básica para descubrir o que realmente está a pasar.

Ademais, hoxe acaba de publicarse unha información que parece incrible. Resulta que un equipo internacional de investigadores demostrou que os pobos orixinarios de Australia descenden directamente da primeira expansión humana en Asia, hai uns 70.000 anos. Iso significa que chegaron alí uns 24.000 anos antes que os primeiros humanos modernos a Europa. Así que as súas fermosas historias, as que veñen contando desde o tempo dos soños, son tamén algúns dos relatos máis antigos que conserva a humanidade.

Hai moitas máis razóns para seguir empregando as historias nas nosas relacións. Hai outros moitos xeitos de ver as cousas, e, por iso, gustaríame escoitar e ler as vosas opinións…

Related Posts with Thumbnails