Malpica de Bergantiños, ano 1996. Ismaíl dixo que procedía dunha terra desértica, situada entre altas montañas e vales escuros, nalgún lugar do corazón perdido de Asia. Debido a un suceso terrible, a xente miúda, o seu pobo diminuto, empezou a dispersarse, tamén os seus familiares e mesmo os seus amigos. Algúns tomaron o camiño do sur, un pouco máis cálido. Pero Ismaíl, que agochaba un segredo, partiu cara o norte, na busca dun misterioso obxecto por camiños que o levasen ao final da Terra.
Alguén, nun barco, faloulle dun lugar que os antigos bautizaron como Finis Terrae, que estaba no final do mundo, en Galicia. Pero, con moita sorpresa, Ismaíl descubriu que alí había demasiados sitios semellantes, sobre todo na chamada Costa da Morte.
En Malpica, un pequeno pobo mariñeiro, comprobou que a sabedoría dos seus habitantes era tan marabillosa como a súa. Pensou que talvez rematara a necesidade da súa viaxe. E, a pesar dos problemas que tivo que resolver, naquela vila decidiu buscar…
A continuación, os tres primeiros capítulos:
- Ismaíl o diminuto: Eran outros anos, hai xa tempo, e durante aqueles días foi o meu amigo. E agora, despois de todo o que pasou, teño que dicir que o seu nome estaba formado por seis letras máxicas…
- O espello de Nasrudín: Case no mesmo tempo dos soños, nun lugar afastado ao outro lado de afastados mares, o mundo de Ismaíl bateu contra unha nova realidade. Ao principio non a percibiron, e certamente habería que dicir que ninguén a viu. Ata que sentiron as consecuencias da súa chegada…
- Os ollos de Arundhati: A maxia perversa dos humanos comezou a estragar o mundo despois dun verán seco e caloroso. As paisaxes da terra de Ismaíl enchéronse de moitas árbores debilitadas, de ruínas e de areas. Máis tarde, avanzou o Deserto Escuro e soterrou amodiño a súa aldea. E as chemineas das casas vomitaron un fume tan negro que emporcou ata o mesmo aire…
No hay comentarios:
Publicar un comentario