A pesar de todo, a tecnoloxía actual (televisión, ordenador, Internet) non acabou co mundo do conto popular. Eses relatos aínda están presentes na vida de todos os nenos. E no seu universo infantil, a imaxinación e a fantasía son elementos básicos, como tamén o son na aprendizaxe da lingua escrita. Sobre todo, para ler, inventar e escribir historias.
Así e todo, a imaxinación e a fantasía parécense moito á forza muscular: unha cantidade excesiva non é demasiado recomendable, pero tampouco a súa escasez. En todo caso, a lectoescritura, a imaxinación e a fantasía, ao igual que a forza dos músculos, precisan dun entrenamento constante.
Pero ese coñecemento da lectoescritura é, en certo modo, a proba iniciática que se lles reclama aos nenos e nenas para que poidan integrarse plenamente na nosa sociedade. Por iso, nese proceso de aprendizaxe, é importante que usemos algún material preparatorio. Por exemplo, unhas actividades creativas que axuden na escola a perder o medo á palabra escrita.
Desde o mundo do conto e o imaxinario popular, Contomundi presentará os seguintes accesorios ou actividades:
- As palabras poderosas
- O binomio simbólico
- As fórmulas da marabilla
- O entramado fantástico
- Os catálogos de ideas
- O caldeiro máxico
Nos procesos de redacción resulta necesario que existan modelos de referencia. Non para que todos os nenos se volvan artistas, senón para evitar que a posibilidade de expresarse por escrito sexa o privilexio duns poucos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario