Os encantamentos, do mesmo xeito que os tesouros, son frecuentes no imaxinario galego. Así, e de igual maneira que noutros lugares e terras, sabemos de ruínas e remansos de ríos, de augas mortas, de lagos e lagoas, que están cheos de lendas que se viñeron transmitindo de xeración en xeración.
Nuns sitios é a fermosísima dama que se amosa peiteándose con peite de ouro alí onde se garda un tesouro agochado. Noutros son os mouros que custodian os fantásticos haberes dos mundos perdidos. E noutros é a galiña coa rolada que atrae ao camiñante no máis intricado do monte ou da fraga, e que desaparece por arte de encantamento no mesmo momento que a súa captura se cría cousa sinxela.
Estes encantamentos, presentes no imaxinario popular, fan que as xentes teñan por encantados moitos lugares. Por exemplo, os bosques escuros, as covas, as furnas, as grandes rochas, as mámoas, os pardiñeiros dos vellos castelos derrubados, etc. En moitas ocasións, supoñen que son mansións de misteriosos seres ou de terribles males en repouso. Algo semellante imaxinou, nun tempo máis moderno, o escritor americano H. P. Lovecraft na súa obra sobre os Mitos de Cthulhu. Pero iso xa é outra historia…
No hay comentarios:
Publicar un comentario