En todas as culturas do noso planeta atópase o recordo -e a presenza- da narración oral. O griot dalgúns pobos do centro de África, o aeda do mundo grego ou o bardo dos finisterres célticos contaban historias para a súa xente. Aínda acontece así en moitos lugares da Terra, pero nas sociedades modernas asistimos a unha lenta desaparición dos verdadeiros contacontos. Parece un proceso irremediable, un camiño sen retorno. Quizais os últimos narradores xa só desexan ver a televisión, como fai agora todo o mundo.
Con todo, as palabras son o vehículo das ideas, capaces mesmo de configurar calquera historia. Aínda que tamén é certo que o xeito e a expresión na forma de falar inflúen sobre o sentido das palabras. Os nenos tardarán en percibilo, pero o fala ten moita influencia sobre o pensamento.
No ámbito da educación, sempre existiu unha corrente moi crítica que postula que a escola non entrega demasiado aos nenos. Todo é discutible, se ben é certo que, entre outras cuestións, a escola aínda pode ofrecer o poder da palabra. Por esa razón, por exemplo, non ten demasiada relevancia preocuparse pola xeración de ordenadores que utilizarán no futuro para desenvolver as súas tarefas escolares. Pero, en cambio, si é importante lembrar que continuarán precisando da narración para falar dos problemas da súa vida. Talvez con novas formas, con novos textos, con outros condicionantes históricos; pero seguramente por medio das mesmas claves narrativas que hoxe coñecemos.
A narración é unha das actividades expresivas e creadoras máis antigas da historia humana…
No hay comentarios:
Publicar un comentario