Vin este conto no blog do meu amigo e compañeiro Aníbal de la Torre, hai xa tempo. Na súa versión aparece outro título, pero eu preferín recuperar o que usou a súa autora, Helen E. Buckley, no ano 1961, cando se publicou. Trátase dunha historia sobre a creatividade e a escola. E talvez as cousas non cambiaron tanto, como ás veces pensamos…
Unha vez un neno foi á escola. Era moi pequeniño e a escola moi grande. Pero cando descubriu que podía ir á súa clase con só entrar pola porta, sentiuse feliz.
Unha mañá, estando o pequeno neno na escola, a súa mestra dixo:
-Hoxe imos facer un debuxo.
-Que bo! -pensou o neno. A el gustáballe moito debuxar, e podía facer moitas cousas: leóns e tigres, galiñas e vacas, trens e botes.
Sacou a súa caixa de cores e comezou a debuxar. Pero a mestra dixo:
-Esperen, non é hora de empezar -e agardou a que todos estivesen preparados.
-Agora -dixo a mestra-, imos debuxar flores.
-Que bo! -pensou o neno-, gústame moito debuxar flores.
E empezou a debuxar preciosas flores coas súas cores. Pero a mestra dixo:
-Esperen, eu ensinareilles como hai que facer.
E debuxou unha flor vermella cun talo verde.
O pequeno mirou a flor da mestra e despois mirou a súa. A el gustáballe máis a súa flor ca da mestra, pero non dixo nada e comezou a debuxar unha flor vermella cun talo verde igual á que fixera ela.
Outro día, cando o pequeno neno entraba á súa clase, a mestra dixo:
-Hoxe imos facer algo con barro.
-Que bo! -pensou o neno-, gústame moito o barro.
El podía facer moitas cousas co barro: serpes e elefantes, ratos e bonecos, camións e carros, e comezou a estirar a súa bóla de barro. Pero a mestra dixo:
-Esperen, non é hora de comezar -e logo agardou a que todos estivesen preparados.
-Agora -dixo a mestra-, imos deseñar un prato.
-Que bo! -pensou o neno-. A min gústame moito facer pratos.
E comezou a construír pratos de distintas formas e tamaños. Pero a mestra dixo:
-Esperen, eu ensinareilles como é.
Entón, ensinoulles a todos os nenos como facer un profundo prato.
-Aquí teñen -dixo a mestra-. Agora poden comezar.
O pequeno neno mirou o prato da mestra e despois mirou o seu. A el gustáballe máis o seu prato, pero non dixo nada e comezou a facer un igual ao da súa mestra.
E moi pronto o pequeno neno aprendeu a esperar e a mirar, e a facer cousas iguais ás da súa mestra. E deixou de facer as cousas que xurdían das súas propias ideas. E aconteceu que un día a súa familia mudou para outra casa e o pequeno comezou a ir a outra escola. No seu primeiro día de clase, a nova mestra dixo:
-Hoxe imos facer un debuxo.
-Que bo! -pensou o pequeno neno, mentres esperaba que a mestra dixese que había que facer.
Pero a mestra non dixo nada, só camiñou dentro da súa aula. Cando chegou ata o sitio do pequeno neno, dixo:
-Non queres empezar o teu debuxo?
-Si -dixo o pequeno-, que imos facer?
-Non o sei ata que ti non o fagas -dixo a mestra.
-E como o fago? –preguntou o neno.
-Como ti queiras –contestou ela.
-E de calquera cor?
-De calquera cor dixo a mestra. Se todos facemos o mesmo debuxo e usamos as mesmas cores, como vou saber quen os fixo?
-Eu non o sei -dixo o pequeno neno.
E comezou a debuxar unha flor vermella cun talo verde…
No hay comentarios:
Publicar un comentario