Hai algúns anos, nun mapamundi da aula buscamos o nome de Burkina Faso. As letras daquel país resultaban misteriosas... Que habería alí? Como vivirían as súas xentes? Eses días tiñamos na clase un libro apropiado para esas preguntas: Tam-tam colores, de Caroline Desnoëttes. As ilustracións de Isabelle Hartmann, que combinan fotos e debuxos coloreados, sorprenderon aos ollos dos nenos, que eran moi pequenos. Case parecían máxicas. Entón, entre outras cousas, o libro contou o seguinte:
... Había alí unha nena, vestida cun pano de raias azuis, que acababa de poñer no chan, aos seus pés, unha gran vasilla de barro. Outras mulleres, moi dereitas, tamén con cacharros de barro na cabeza, descendían polos outeiros dos arredores, en fila india. Viñan ao mercado desde moi lonxe para vender. Semellaban unha ringleira de formigas sobre a herba verde...
O sentido dos contos
Jorge Luis Borges, o escritor arxentino, escribiu con Margarita Guerrero a obra titulada El libro de los seres imaginarios. No seu prólogo, de setembro de 1967, dísenos que ignoramos o sentido do dragón, como ignoramos o sentido do universo. Creo que tamén poderían ter escrito que ignoramos o sentido dos contos. En calquera caso, e seguindo co seu razoamento, hai algo nas súas palabras que concorda coa imaxinación das persoas, e por iso o conto popular naceu en diversas latitudes e idades.
A editorial Siruela publícó o libro De fábula, unha obra inédita de Italo Calvino, o escritor italiano. Nunha nota preliminar podemos ler que os contos populares conteñen unha explicación xeral do mundo, onde caben todo o mal e, ao mesmo tempo, todo o ben. Na súa opinión, neles encóntrase sempre a senda para romper cos máis terribles feitizos.
Nalgún momento, nalgún sitio, descubrín que os contos están feitos coa mesma materia que os soños. Penso que comprendín mellor esta idea lendo Álvaro Cunqueiro, o escritor español nacido en Galicia. No seu libro Tesouros novos e vellos escribiu que soñar era necesario, e que perder o tesouro dos soños era perder o máis grande dos tesouros do mundo…
No hay comentarios:
Publicar un comentario