17 may. 2008

Os días novos de Contomundi

Contomundi orixinouse co pretexto dos contos populares do mundo, para ser de feito unha experiencia de animación á lectura. As aulas do 1º ciclo do CEIP Isaac Díaz Pardo iniciamos en febreiro este proxecto. Daquela, aínda o inverno amosaba a súa forza pola ría do Burgo, no concello coruñés de Culleredo. Entón, as mestras e os mestres buscamos historias e recollimos os contos do mundo que precisabamos. E planificamos as fases da experiencia, e as características das diferentes sesións que levaríamos a cabo. Tratamos de analizar moitas posibilidades, como a posible participación dunha contacontos, que ademais era a nai dunha alumna do colexio. Durante aqueles primeiros días, falamos e mesmo creo que nos ilusionamos: Sindi González, Teresa Lagares, Xabier Iglesias.

Nalgunha desas xornadas, acordamos que as nenas e os nenos do 1º nivel viaxarían polo mundo escoitando e lendo, como mínimo, dous contos de cada continente. Empezaríamos en Europa, para despois seguir por América, Oceanía, Asia e, por último, África. Habería distintos contos, de animais e de encantamentos: A raposa e as sardiñas (Galicia, España), A bruxa do inverno (Arxentina), A osa formigueira e a tartaruga (Australia), As cancións de amor (Líbano).

En realidade, por todas esas historias, Contomundi parece ás veces un defensor romántico dun mundo a piques de se perder. Pois con elas descubrimos algunhas palabras moi fermosas, como amigos e compañeiros, que na vida diaria case sempre están en perigo de extinción...

Un pouquiño máis tarde, os nenos de 6º nivel tamén chegaron a Contomundi. E xa que eran xente maior, ensinaron aos pequenos de 1º como hai que facer para decorar mellor os marcapáxinas. Era polo Día do Libro e estabamos de festa cos nosos contos do mundo. E a súa mestra, Berta López, sabía de mundos imaxinarios e de soños.

2 comentarios:

Gonzalo («Darabuc») dijo...

Hola, Mario, me alegra saludarte y saber de tus nuevas experiencias por la red.

Un abrazo

Teresa Pombo Pereira dijo...

Como todas as histórias bonitas esta começa bem e tem um final feliz! Obrigada pela partilha Mário!

Related Posts with Thumbnails