10 dic 2008

Inventar contos na Web 2.0

En Contomundi hai unha sección á que denominei A maxia das TIC. Cando se creou, pensaba naquelas páxinas ou sitios web que permiten facer cousas arredor do mundo dos contos populares. Aínda que a maioría están en inglés, e de momento non aparecen polas dificultades de uso que terían na escola, esa sección xa contén dous enlaces para facer contos na Web 2.0:

  • Cuentos y leyendas ilustrados por niños: un recurso do Instituto de Formación y Recursos en Red para el Profesorado, que depende do Ministerio de Educación.
  • Pancho y su máquina de hacer cuentos: que é un recurso orixinado nas comunidades educativas de Huascarán, no Perú. Serve para crear historias con facilidade, aproveitando unha listaxe de posibilidades que ofrece o mesmo sitio. A parte negativa é que non deixa que fagamos unha copia do noso traballo. Unha mágoa, pero así son as cousas.

Estes días atopei un novo recurso, un incrible recurso para xogar coa arte de inventar historias, que dicía Gianni Rodari. Chámase Armacuentos, e, mediante a tecnoloxía flash, presenta unha variada oferta de opcións para imaxinar e crear una historia. É dicir, para armar ou construír un conto.  Ademais, Armacuentos grava o conto e podemos velo e escoitalo as veces que queiramos. Por desgraza, tampouco existe a posibilidade de gardar unha copia.

Armacuentos

Para inventar as historias, Armacuentos utiliza unha versión moi reducida das trinta e unha funcións de Propp. Pero como esas variantes internas chegan dabondo para describir a forma dos contos, co material deste sitio podemos inventar ducias e ducias de historias. Seguro que na Escola de Ismaíl os resultados serán fabulosos...

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails