13 mar. 2010

Viaxes literarias con Google Earth

Nalgunhas ocasións viaxamos porque lemos. Quizais algún libro contaxiounos a paixón por unha cidade ou por unha determinada cultura, ou tamén por algunha paisaxe moi especial. Por iso, en palabras do escritor inglés Bruce Chatwin, a moitos gústanos ser viaxeiros literarios.

Na Grecia antiga, a viaxe asumiu o formato dunha narración, e desde entón palabras como Odisea ou Ítaca enchen a nosa mente de soños e de misterios. Agora, un sitio chamado Google Lit Trips, creado polo profesor americano Jerome Burg, quere achegar a gran literatura de viaxes ao ensino. Así, nel podemos descubrir uns arquivos, creados con Google Earth, que conteñen algunhas experiencias multimedia sobre libros de viaxes e expedicións, e sobre obras da literatura universal. É un xeito innovador de levar aos alumnos á literatura. Antes hai que instalar o programa, que podes descargar aquí.

Para coñecer mellor esta aplicación, os desarrolladores do programa ofrécennos unha boa axuda nos seus titoriais, e tamén en Google Earth Solidario. Na canle de Practicopedia, en YouTube, teñen algún vídeo interesante sobre esta ferramenta.

O procedemento de creación con este programa non é moi complexo, e parécese un pouco a Google Maps. Xa que logo, admite nos seus marcadores texto, imaxes, vídeo, linguaxe HTML e outras posibilidades, ás que se engade o zoom que caracteriza á aplicación. Dese modo, podemos obter vistas desde o espazo ou na mesma superficie do planeta; e, por exemplo, voar desde o tellado da nosa escola ata as neves do monte Kilimanjaro, que escribiu Hemingway. Os proxectos gárdanse como arquivos kmz e pódense compartir e ata traballar en común, do mesmo xeito que comparte todos os seus materiais Google Lit Trips. Ademais, tamén nos ofrece guías tutoriales e recursos diversos, pero hai que ter en conta que todo está en inglés.

Entre as experiencias que atopamos alí están as seguintes: A Eneida, de Virgilio; Cándido, de Voltaire; Macbeth, de Shakespeare; e Os Lusíadas, de Luís de Camões. Esta última trátase dun traballo realizado en lingua portuguesa por Teresa Pombo, que explica o seu proxecto nun dos seus blogs: Viagens Literárias.

Como nos mostra o seu contido, pretende aproveitar o gran potencial deste programa para o estudo da narrativa en xeral e dalgunhas obras literarias en particular. En calquera caso, e segundo as súas propias palabras, ao empezar a construír arquivos kmz con Google Earth, percíbese con rapidez o seu amplo potencial no ámbito educativo.

Por esa razón, o proxecto Viagens Literárias ten unha función dobre:

  • reunir arquivos de Google Earth deseñados para o estudo de obras de literatura e para outras actividades de ensino, construídos polo profesor ou polos propios alumnos;
  • apoiar o uso de Google Earth nos contextos educativos, ofrecendo unha serie de tutoriales e recursos que faciliten a súa aprendizaxe e a súa utilización.

A autora dividiu o proxecto e o blog en cinco importantes áreas: Projecto, que explica as ideas xerais; Ligações, con enlaces de apoio útiles para o proxecto; Tutoriais GE, ou recursos de axuda, escritos e en vídeo, tanto en portugués como en inglés; Idei@s, un espazo para sistematizar as ideas de colaboración para o uso do programa Google Earth; e, para rematar, Partilha, que é unha especie de presentación para compartir o labor xa realizado.

Destas ideas da amiga Teresa Pombo, naceu a primeira viaxe literaria feita en portugués. Esa experiencia educativa, citada anteriormente, aborda a maior obra da literatura en lingua portuguesa: Os Lusíadas, de Luís de Camões. Está dirixida, sobre todo, a alumnos de 14-15 anos de idade. Atópase dispoñible en Google Lit Trips, onde se pode descargar o arquivo correspondente. Ao abrilo, iníciase inmediatamente Google Earth, se a aplicación xa está instalada no noso ordenador.

Os Lusíadas

Teño a impresión, logo de elaborar este post, que esta forma de usar Google Earth é unha oportunidade nova para a narrativa. A mesma cartografía de historias, da que xa falamos, adquire unha fantástica dimensión global. Ademais, como admite as gravacións de voz, por exemplo de Vocaroo, tamén se converte nun poderoso recurso para o desenvolvemento da lectoescritura multimedia na aula.

Nestes momentos, son capaz de imaxinar algún das viaxes literarias que sempre soñei, e que agora poida que vexa grazas a Google Earth: A volta ao mundo en 80 días, de Jules Verne; Os contos de así foi, de Rudyard Kipling; A illa do tesouro, de Robert Louis Stevenson; Nuestros cuentos favoritos del munto entero, de Jamila Gavin. Pero hai outros libros actuais, lecturas máis adultas, que tamén me interesan: Los caminos del mundo, de Nicolas Bouvier; La sombra de la ruta de la seda, de Colin Thubron… Sen esquecer, por suposto, a Charles Darwin e a súa viaxe no Beagle. 

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails