Xa sabemos que a lectoescritura se transformou en multimedia, favorecida pola combinación da palabra escrita con imaxes, sons, vídeo, e mesmo código HTML. Na escola, esta realidade tamén é posible grazas á tecnoloxía da Web 2.0, que ofrece a calquera usuario a posibilidade de escribir e de subir contidos á Rede. Este post segue a outro anterior no que se falaba de tres aplicacións: Storybird, Mixbook e Panraven. Agora falaremos de Showbeyond.
Todas elas serven para desenvolver esa lectoescritura multimedia, de xeito gratuíto e sen necesidade de ter uns excesivos coñecementos informáticos. E tamén para aplicar a narrativa dixital ou dixital storytelling.
Despois do rexistro previo en Showbeyond, veremos que se trata dunha aplicación gratuíta, doada de usar e que serve para mostrar un traballo ou contar unha historia. Para evitar problemas, dispón dun bo material de axuda e información para o seu correcto emprego, pero en inglés, claro.
Características principais:
- Pódese utilizar para presentar os contidos educativos de forma creativa. Por esa razón, facilita que o alumnado poida escribir, crear, editar e publicar as súas propias diapositivas ou historias. Nese caso, terán que dispoñer dunha dirección de correo electrónico para poder crear unha conta.
- Admite texto e imaxes, que se poden descargar desde o ordenador, unha url, Picassa ou Flickr. Tamén permite a inclusión de sons e de música de fondo, e ademais pódese gardar o traballo mentres non estea finalizado. Unha vez que remata, decídese libremente se é público ou privado. Se se comparte, cópiase e pégase o correspondente código, como é habitual.
- Entre os aspectos negativos, destaca o feito de que o número de imaxes está limitado a 24, e tamén son limitadas as opcións para escoller os fondos. Ao parecer, unha vez publicado o traballo, xa non se pode eliminar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario