O ano 1994 foi moi importante. Entre outros acontecementos, por exemplo, hai que citar á película Forrest Gump, que triunfaba nos Premios Óscar; a Yasser Arafat, Shimon Peres, e Isaac Rabin, que recibían o Premio Nobel da Paz; a Mario Vargas Llosa, que lograba o Premio Cervantes… Incluso eu mesmo publiquei por primeira vez un texto relacionado coa educación.
Naquel tempo xa pensaba que os mestres debían falar do seu traballo, que era necesario ter unha voz propia. Pero non resultou fácil descubrir a mellor maneira de conseguilo. Afortunadamente, na memoria aínda estaba Rodari, e por iso a súa obra converteuse na principal guía e referencia.
Nesas condicións, ese ano citado, en colaboración con Rosa Loriga, levamos á práctica unha experiencia educativa especial: As teorías da bruxa Malaúva. Debido aos seus bos resultados educativos, acordamos contar por escrito todo o traballo realizado. A pesar da nosa confianza, foi toda unha sorpresa comprobar o éxito daquel proxecto. Pero así ocorreu. A Editorial Santillana entregounos o primeiro premio do XVI Concurso de Experiencias Escolares.
Open publication - Free publishing
A bruxa Malaúva visitounos hai tempo, cando a LOGSE parecía inmutable. Por esa razón, a nosa escola era como as demais, e o seu patio tamén se mollaba se chovía. E en Galicia chove moitas veces. Ninguén sabía de ordenadores, pois Windows 95 nin chegara a nacer. A palabra Internet era un segredo militar, e, como estabamos en Malpica de Bergantiños, as únicas redes que había pertencían aos mariñeiros.
A pesar de todo, para min a experiencia resultou todo un descubrimento. Anos despois, lendo a Howard Gardner, entendín as cousas con máis claridade:
“… se queremos que os estudantes cheguen a aprender, dominar e aplicar algo con criterio, debemos procurar envolver ese algo nun contexto que faga intervir as emocións. E á inversa: o máis seguro é que as experiencias desprovistas dun impacto emocional terán pouco atractivo e pronto serán esquecidas, sen deixar nin unha sinxela representación mental”.
Con Malaúva, a bruxa daquela historia, sucedeu xusto o contrario…
No hay comentarios:
Publicar un comentario