Cando se conta ou se le un conto, as fórmulas de inicio facilitan que o neno, ou calquera outro destinatario, recoñeza con rapidez a clase de texto que recibe. Dese xeito somos capaces de activar o esquema mental máis apropiado para a súa interpretación. Xa que logo, un relato que posúa esas fórmulas ofrece, de entrada, algunhas axudas adicionais para mellorar a comprensión e a cooperación textual. Por exemplo, na escola, os nenos poderán orientarse mellor no interior da súa estrutura narrativa. E é así tanto nas actividades de lectura como nas de escritura.
As fórmulas marabillosas, para iniciar e rematar historias, pódense seleccionar utilizando mesmo as fontes orais do imaxinario popular como as literarias. Ata o mundo do cine ofrécenos algúns bonitos exemplos adaptados (George Lucas, La Guerra de las Galaxias). E a pesar de que as fórmulas que mellor entendemos son as que corresponden á cultura occidental, tamén podemos recorrer aos contos dos pobos do mundo. As súas fórmulas de inicio e final, empregadas para inventar e escribir historias, servirán para achegar esa diversidade á nosa escola, que sempre necesitará de aires novos.
Era unha vez…; Había unha vez…; Nun lugar remoto…; Hai moito, no tempo dos soños…; No inverno, na época da lúa chea…; Nun tempo no que a Terra aínda era nova…; Certo día…; Hai moitos centos de anos…; Noutros tempos máis antigos…; Érase que se era…; Vivía unha vez…; Nos tempos de María Castaña…; Para saber e contar e contar para aprender…; Hai moito tempo, cando os animais aínda falaban…; Hai moitos anos, cando o mundo estaba formándose…; Había unha vez, nun vello país…; Hai moito tempo, cando as galiñas tiñan dentes…; Aínda que é difícil de crer, unha vez pasou…
Foron felices, comeron moitas perdices e a min déronme coa porta nos narices. - E viviron felices moitos anos. - E colorín colorete, pola cheminea vai un foguete. - E viviron felices para sempre. - E viviron felices ata o final dos seus días. - Colorín colorado, este conto xa está acabado. - E así será para sempre. - Entón, o galo cantou e este conto rematou. - Acabouse o conto e levouno o vento…
No hay comentarios:
Publicar un comentario