Cando Berta López, unha mestra de 6º, trouxo unha boneca para a exposición africana de Contomundi, notamos que era un xoguete especial. Ela mesma nos avisou, e por iso decidimos que debería estar no interior da aula. Tamén dixo que procedía dun país chamado Burkina Faso, un lugar no camiño da cidade de Tombuctú, a porta do deserto do Sahara.
No mapamundi da clase buscamos o nome de Burkina Faso, e as súas letras resultaron misteriosas... ¿Que habería alí? ¿Como vivirían as súas xentes? Eses días tiñamos na clase un libro apropiado para esas preguntas: Tam-tam colores, de Caroline Desnoëttes, publicado no ano 2007 pola editorial Edelvives. As ilustracións de Isabelle Hartmann, que combinan fotos e debuxos coloreados, sorprenderon aos ollos dos nenos. Case parecían máxicas. Entón, o libro contou o seguinte:
"... Había alí unha nena, vestida cun pano de raias azuis, que acababa de poñer no chan, aos seus pés, unha gran vasilla de barro. Outras mulleres, moi dereitas, tamén con cacharros de barro na cabeza, descendían polos outeiros dos arredores, en fila india. Viñan ao mercado desde moi lonxe para vender. Semellaban unha ringleira de formigas sobre a herba verde..."
No hay comentarios:
Publicar un comentario