Érase unha vez hai miles de anos... Os nosos antepasados nómadas, sentados de noite arredor do lume dunha fogueira, alimentábanse coa carne dos animais cazados, comían froitos silvestres ou reparaban as súas armas e ferramentas. Naquel tempo, que foi a infancia da especie humana, comezaron a nacer os primeiros relatos da memoria da vida.
Aquelas primeiras historias foron entrelazándose ata formar un inmenso tapiz de mitos e lendas, pero sobre todo de contos. Para a maioría da xente, o conto transformouse en algo moi semellante a un arquivo de datos, que servía para ordenar a información máis relevante de cada pobo. Por esa razón, os contos xurdiron como unha especie de ADN cultural.
Pero xa maduramos e superamos as supersticións do principio da vida na Terra. Mediante a nosa evolución, deixamos atrás os mitos e entramos na era das luces e dos métodos científicos. Todas as nosas preguntas son contestadas pola razón e a ciencia. Por iso, as novas tecnoloxías permitirán cambiar aquilo que non nos guste. ¡Viva a revolución da información!
Agora imos cara o novo e feliz mundo de Internet e da intelixencia artificial, que nos dirán automaticamente todo o que necesitamos saber. ¿Todo?
Entón, ¿por que se editan hoxe tantos libros coas narracións de sempre? Incluso nas bibliotecas e nos colexios teñen o seu sitio os herdeiros dos contacontos tradicionais, onde a súa fama medra cada día.
¿Que teñen os contos populares?
No hay comentarios:
Publicar un comentario