Este foi o primeiro conto de Contomundi, que os nenos e as nenas de 1º coñeceron este ano. A partir desta historia iniciamos a nosa viaxe polo mundo, con relatos de todos os continentes.
Un sardiñeiro levaba un burro cargado cunha caixa de sardiñas que arrecendían a frescas. Chegou o cheiro ao nariz dunha raposa, e pensou como faría para darse unha fartura delas.
Discorreu de facer o morto no camiño por onde ía pasar o sardiñeiro. De xeito que cando pasou e viu á raposa, dixo:
—¡Ai, home, que sorte che tiven hoxe! ¡A pelica desta raposa aínda che ha de valer uns bos cartos!
E, sen máis, pillouna polo rabo, botouna enriba das sardiñas e seguiu o seu camiño. E imaxinou as cousas que ía mercar cando vendese a pelica.
A raposa, en canto se viu soa, empezou a botar sardiñas ao chan ata non deixar ningunha no caixón. Entón tamén se tirou ela. Buscou unha cesta, colleu as sardiñas todas e marchou á sombra dun castiñeiro a comelas mentres dicía:
—¡A listura da raposiña enganou ao home das das sardiñas!
Despois, durante moitas semanas, na clase e nas casas lemos unha ducia de pequenos tesouros: os contos populares do mundo...
No hay comentarios:
Publicar un comentario