15 ene. 2009

O binomio simbólico II

En xeral, e a partir da obra de Gianni Rodari, este novo binomio constrúese co vocabulario proposto polos nenos e por algunhas das ideas que se recollen nas nosas palabras poderosas. Claro que tamén podería haber aportacións do mestre, ou algún vocabulario recollido en libros especiais, pero nesta ocación levamos a cabo a experiencia unicamente coas dúas propostas indicadas.

Así que, despois de explicar con atención todo o proceso que habería que desenvolver, un día os nenos elexiron 11 das palabras que chamamos poderosas. E ademais, tamén en equipo, seleccionaron outras 11 palabras que buscaron na súa vida cotiá, e que por iso acordamos que serían as palabras de hoxe.

Con esas 22 palabras escollidas formamos dúas columnas imaxinarias. Na primeira, e escritas con letra minúscula, estarían as palabras da tradición popular; na outra, e con letra maiúscula, aparecerían as palabras da vida actual. Unha vez rematado este cadro, para inventar unha historia bastaba con elixir unha palabra de cada columna. Pois esa parella de palabras orixinaba de inmediato un binomio simbólico...

 O binomio simbólico

O choque de sentidos posibles que os nenos adiviñaron, creou na aula unha reacción de simpatía cara o mundo do absurdo e o sen sentido. E esas parellas de palabras insólitas que acadamos, servirían para inventar contos utilizando calquera tipo de procedemento narrativo. Como xa dixemos na anterior entrada, este binomio simbólico é un dos accesorios máxicos para escribir historias. A práctica actual irase mostrando, pouco a pouco, no noso blog de aula Escola de Ismaíl.

Related Posts with Thumbnails