27 feb 2009

O taboleiro fantástico II

As primeiras veces que usamos este recurso, o vocabulario que se elaboraba para o taboleiro funcionaba como unha biblioteca semántica do conto. É dicir, unha biblioteca especial formada con palabras e expresións do imaxinario popular, e chea de contidos e significados para inventar historias.

Cada taboleiro convértese, de feito, nun conxunto de hipóteses fantásticas, no sentido que ofreceu Gianni Rodari. Unha hipótese é coma unha rede; botas a rede e sempre atopas algunha cousa. Por exemplo, imaxinemos o que pasaría se xuntamos unha bruxa, una illa, unhas moedas e unha trampa. Ou a historia que xurdiría ao unir un animal, unha cova, un zapato e un castigo...

PERSONAXES LUGARES OBXECTOS SITUACIÓNS
Unha bruxa Unha cova Unhas moedas Un castigo
Un músico Un pobo Unha lámpada A fame
Un animal Unha illa Un zapato Unha trampa

O mundo das palabras trabállase na escola na súa correspondente asignatura, do mesmo xeito que as matemáticas ou as ciencias do medio. Pero seguramente habería que contemplar unha faceta máis: a fantasía, a imaxinación, a creatividade.

Así, o desenvolvemente da creatividade lingüística é moi importante para o neno, porque facilita o seu avance nas capacidades de dedución, abstracción e reflexión. Igualmente, pode proporcionarlle un notable crecemento na súa capacidade de comprensión e expresión. Pero non só na lingua escrita, tamén na linguaxe oral. Posto que para inventar unha historia, individual ou colectiva, podemos reforzar na aula a busca de información, o intercambio de opinións e o diálogo. 

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails