Como demostran moitas investigacións, os modelos de ensino e aprendizaxe baseados na tecnoloxía teñen o potencial de mellorar os resultados escolares. De feito, hai poucas dúbidas sobre a certeza desta afirmación.
Actualmente, está de moda ofrecer aos alumnos acceso continuo aos ordenadores e conexión a Internet. Ata algúns políticos fannos crer que se trata da nova panacea universal, que remediará todos os males das escolas. E os comerciantes de tecnoloxía, fregándose as mans, ofrécennos xa descontos e oportunidades para a compra masiva de materiais didácticos dixitais.
En opinión do profesor Chris Dede, no libro Aprendiendo con tecnología, presuponse que os docentes e os funcionarios que usan os novos medios son automaticamente máis eficaces que quen non os utilizan. Os ordenadores percíbense como unha tecnoloxía comparable ao lume da época prehistórica. Así, con só sentar preto deles, os alumnos sairán beneficiados, coma se o coñecemento e as destrezas fosen irradiados desde os monitores ás súas mentes.
Pero a experiencia e a memoria da aprendizaxe dinnos outras cousas. Aínda se conservan moitos documentos de formación que se desenvolveron para aquelas innovacións tecnolóxicas baseadas, por exemplo, na reprodución e/ou gravación de audio e de vídeo. Tamén foron un soño educativo, outra panacea universal no seu momento. O profesional que non os coñecía, era un anticuado na didáctica e na metodoloxía. Con todo, moitos deses aparellos, que case foron considerados unhas marabillas tecnolóxicas, terminaron servindo para soster libros no aula ou sinxelamente desapareceron. Do mesmo xeito que está ocorrendo agora cos ordenadores, aquela tecnoloxía precisou dun investimento económico considerable. Os recursos financeiros que se gastaron foron moi grandes, mentres moitas escolas tiñan graves problemas na infraestrutura máis básica.
Por esa razón, e seguindo de novo ao autor citado, creo que o uso da tecnoloxía educativa ten que ir da man doutras innovacións simultáneas en materia de pedagoxía, currículo, avaliación, organización e administración escolar. É dicir, resulta necesario que haxa unha reforma educativa sistemática baseada na aprendizaxe coa tecnoloxía. Doutro xeito, como nos di a experiencia pasada, o tempo e o esforzo investidos en implementar estes mecanismos talvez producirán escasas melloras nos resultados do ensino. E o peor de todo é que confirmarán, unha vez máis, o escepticismo de moitos docentes fronte á moda das novas máquinas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario