2 jul 2011

Ismaíl o diminuto (1ª parte)

Eran outros anos, hai tempo, e durante aqueles días foi o meu amigo. E agora, despois de todo o que pasou, teño que dicir que o seu nome estaba formado por seis letras máxicas.

I-s-m-a-í-l!

Para non esquecelo nunca, para que o seu recordo non se perda, aquí está a súa pequena historia. Seguro que parecerá incrible, pero o meu desexo é contar os feitos que lle aconteceron. Tal e como sentiu as cousas en cada ocasión. Pois unha vez, coa intención de salvar ao seu mundo, abandonou todo o que tiña: a súa casa, a súa familia e os seus amigos.

En realidade, habería que empezar nunha época remota para explicar a súa vida desde o principio. Unha época esgotada sen remedio, que foi o refuxio de todas as criaturas máis fabulosas.

Estaban as aves do paraíso, adornadas con verdes esmeraldas e grandes plumas da cor do azafrán. E as serpes xigantes de lume ou dragóns vermellos, que podían cambiar de tamaño ao seu antollo. Había tamén algunhas illas de ouro que navegaban polos océanos coma se fosen baleas solitarias. Incluso din que existía unha árbore case tan antiga como a mesma Terra, que crecía no medio de dous grandes ríos e que falaba unha lingua única.

Naquel tempo, nese mundo que era moi, moi orixinal, apareceu unha misteriosa comunidade de seres diminutos. Así e todo, hai que dicir que cando os humanos eramos case idénticos aos primeiros simios, eles xa mostraban unha intelixencia superior e ben desenvolvida.

Os diminutos, que ese foi o seu primeiro nome, crían que sempre estiveran aquí, desde o principio de todo. Pero iso é parte doutra historia. E a verdade é que eu debo falar a partir do día que se chamou do gran esquecemento. Será o que contarei un pouco máis adiante.

Entón, como xa dixen, Ismaíl era unha criatura do pobo diminuto.

O lugar no que residía estaba situado moi lonxe, na xeografía perdida de Asia. No corazón dese continente que nos mapas vemos como un espazo inmenso. Alá atopábase xusto detrás das altas Montañas Resplandecentes, onde as terras conservaban todo o ano o seu verdor.

Saidabad, a súa aldea, era un sitio delicioso. O seu nome significaba Xardín Marabilloso na lingua secreta dos seres diminutos.

Naquel lugar había fontes de auga cristalina, que mantiñan o aire sempre fresco. E as vivendas da aldea, pintadas con suaves cores, erguíanse preto de cerdeiras e de vellos albaricoqueiros.

Durante os cálidos veráns, as casas permanecían medio ocultas pola sombra dalgunhas figueiras. E polas noites escoitábase o rumor do vento do sur sobre as follas das árbores. Para Ismaíl aquel son expresaba a máis bonita canción do mundo.

Cada familia posuía a súa propia casiña de madeira e unha horta igualmente pequeniña. Recollían as froitas das árbores e cultivaban herbas medicinais. Plantaban moitas flores e de todos os tamaños, e co seu néctar elaboraban unha bebida moi agradable. Tamén coidaban aos animais do bosque cando estaban enfermos.

E como para todo tiñan solucións, entre todos inventaban a maioría dos utensilios que necesitaban para vivir.

Saidabad era o mesmo paraíso en miniatura!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Unha historia moi fermosa, é alégrome de que viñeras para esta terra, Galicia, que tamén e moi fermosa, verde e tamén ten algo de maxia.Ismaíl, foi un pracer haberte coñecido é tratado. Aquí sempre te teremos moi presente no noso corazón. Ah,é estaremos moi atentos a 2ª parte da túa historia, e para o que precises. Un gran abrazo para un ser diminuto pero con un gran corazón e poder.

Salúdos

Mario Aller dijo...

Xa sabes, Álex, que sempre dixen que lle debía unha historia a Ismaíl: a súa propia. Espero que me desculpe se non a remato, que me encantaría, pero isto é o que hai... Saúdos

Related Posts with Thumbnails