O vello caldeiro das historias chegou ata ao mesmo Espazo Abalar, o repositorio de recursos do proxecto TIC que está a funcionar en moitos centros educativos de Galicia. Este esquema de composición escrita, ou matriz de relatos, naceu a partir das observacións de Antonio R. Almodóvar sobre a estrutura do conto marabilloso de orixe hispánica.
Uns anos antes, cando empezaba a imaxinar os materiais, este artefacto para inventar historias era máis semellante ás ideas de Vladimir Propp. Pero nas secuencias narrativas básicas case non hai diferencias entre os dous modelos. E na miña experiencia, como un mestre que ás veces trata de investigar, así foron as cousas. Talvez por iso aínda lembro aos primeiros nenos que me escoitaron falar destes asuntos. A súa sorpresa, a súa incrible atención, o seu entusiasmo; creo que todo iso facilitou que seguise por aquel camiño de contos e de soños.
As historias que se crean con este caldeiro máxico, na versión de Propp, poden estar constituídas polos seguintes elementos: 1) Heroe ou heroína; 2) Os desexos; 3) A busca; 4) Os amigos e aliados; 5) Os obstáculos; 6) O lugar buscado; 7) O adversario; 8) A vitoria, por fin; 9) O regreso; 10) Alegría e felicidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario