6 oct 2009

Digital storytelling: contar na escola

[Recoméndase ler Os relatos do mundo, pois esta nova entrada é a súa continuación.]

Ao final da Idade Media, a palabra escrita e as artes da escritura pasaron á imprenta e xeraron o libro impreso. Por iso falouse da galaxia Gutemberg, o descubridor europeo da imprenta. Utilizando ese avance, a palabra milenaria dos contos populares foi convertida en signo tipográfico e letra impresa, entre outros escritores, polo francés Charles Perrault e os irmáns alemáns Jacob e Wilhem Grimm. Máis tarde, o folclorista ruso Vladimir Propp caracterizou aos relatos tradicionais. E dixo que existía unha tendencia á uniformidade nese tipo de narracións, con independencia da súa orixe, como se todos os contos procedesen dunha mesma Scherezade.

Así chegamos ao último escenario comunicativo, o da época presente. É unha galaxia lingüística que talvez habería que cualificar como multimedia. Trátase da galaxia do noso tempo, que naceu co cine mudo e coa primeira emisión radiofónica, e que agora está definitivamente inmersa na televisión, no ordenador, nas redes sociais de Internet, no son e na imaxe dixital. Por esa razón, na escola actual teriamos que recoñecer unha evidencia. Na cultura da caza, os nenos xogaban con arcos e frechas. Nunha sociedade da información, deberán xogar coa información

Will Lion

A pesar de que estamos nunha galaxia multimedia e electrónica, a través do conto popular prodúcese un perpetuo retorno ás nosas raíces máis básicas. Descóbrese en moitas narracións audiovisuais, tamén nos xogos para ordenador e as novas consolas. Incluso un famoso director de cine, George Lucas, iniciou cada unha das películas da súa serie futurista Stars Wars xogando cunha antiga expresión:

Hai moito tempo, nunha galaxia moi, moi afastada…

Usando agora as ferramentas narrativas da Web 2.0 (aquí haberá unha selección delas), a escola debe seguir imaxinando historias. Porque na mente infantil os contos funcionan como pequenas fábricas de comprensión. E neste tempo pódese reforzar esa comprensión mediante a interacción que ofrecen as utilidades do digital storytelling ou narrativa dixital. Son eficaces ferramentas para as artes da linguaxe e o xogo coa información, como as que xa presentamos: PhotoPeach, Tar Heel Reader, Tikatok, BombayTV, Tag Galaxy, Bookr pimpampum, Stripgenerator, etc. Pero esta listaxe non está completa, aínda quedan outras aportacións, e seguro que novos e mellores descubrimentos.

Will Lion

Como afirmou o escritor e profesor Gabriel Janer Manila, a cultura xorde, sen dúbida, do xogo, e o neno que xoga é un neno que se transforma. Por tanto, se consideramos á escritura como un xogo especial e reflexivo, a construción de historias na mente, a elaboración e escritura de contos, será unha actividade que incidirá en todos os aspectos da aprendizaxe escolar.

En relación a iso, a escritora Marguerite Duras contou que escribir é unha maneira de construír soños, e que cando escribes transformas a realidade. Actualmente ese cambio parece máis posible, pois temos os recursos creativos de Internet para contar as nosas historias, a través da interactividade e a colaboración.

Contar e compartir a información, esa é a forza da narrativa dixital.

2 comentarios:

isabel dijo...

Me ha encantado esta entrada, apunto lo que dice Marguerite Duras.
Saludos, Isabel

Mario Aller dijo...

Pues a mí me gusta que te encante la entrada. Te voy a contar un secreto... Esto del digital storytelling cada vez me interesa más. :-)
Por eso he abierto un obradoiro, que significa taller. En él estarán las entradas que cuenten algo de las herramientas digitales para contar historias.
Saludos

Related Posts with Thumbnails