13 nov 2010

A importancia da lingua

Tostig, irmán de Harold, o rei saxón de Inglaterra, e fillo de Godwin, desexaba o poder. Mais ben o cobizaba. Por iso aliouse con Harald Sigurdarson, o rei de Noruega. Este guerreara en Constantinopla e no norte de África; o seu estandarte chamábase Landöda, Desolador de Terras. Tamén foi un poeta famoso.

Cun exército noruegués desembarcaron na costa oriental de Inglaterra e renderon granxas, aldeas e castelos. Ao sur dunha cidade enfrontáronse co exército saxón. Vinte xinetes achegáronse ás filas do invasor. Os homes, e tamén os cabalos, estaban revestidos de ferro escuro. Un dos xinetes adiantouse e berrou:

-Está aquí o conde Tostig?
-Non nego estar aquí -dixo o conde.
-Se verdadeiramente es Tostig -dixo o xinete- veño a dicirche que o teu irmán ofréceche o seu perdón, a súa amizade e a terceira parte do reino.
-Se acepto -dixo Tostig-, que dará o rei a Harald Sigurdarson?
-Non se esqueceu dese home -contestou o xinete-. Daralle seis pés de terra inglesa e, xa que é tan alto, un máis.
-Entón -dixo Tostig- dille ao teu rei que pelexaremos ata a morte.

Aqueles xinetes regresaron. Harald Sigurdarson preguntou pensativo:

-Quen era ese cabaleiro que falou tan ben a túa lingua?
-Era Harold, fillo de Godwin.

Antes de que se agochase o sol dese día, o exército noruegués foi derrotado. Harald Sigurdarson perdeu a cabeza na batalla, e tamén o conde.

O rei Harold, fillo de Godwin, no tapiz de Bayeux.

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails