Mostrando entradas con la etiqueta Imaxinario. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Imaxinario. Mostrar todas las entradas

11 dic 2009

A señora do Castro Alegre

Conto popular | Galicia (España)

A un rapaz que andaba co gando no castro, saíulle un día unha moza que peiteaba os seus cabelos cun peite de ouro. Por iso, brillaban como o mesmo arco da vella.

-¡Ai, señora, se me dese ese peite con se peitea!, díxolle o rapaz.

-Dareiche o peite e dareiche moito máis aínda, ata facerte rico como un sol, se fas o que eu che diga e non sentes medo, e non te acañas.

 

E díxolle ao rapaz que lle levase o día seguinte unha cunca de leite bendito, e que non se acañase co que sucedese, pois mentres ela bebía o leite, el tiña que ter man da cunca.

Foi o rapaz coa cunca, e saíulle unha grande cobra que se puxo a beber no leite, e o rapaz, sen medo, sen se acañar, tiña man da vasilla. Bebeu todo a cobra, e ao rematar converteuse na señora de cabelos dourados do outro día, e deulle moita riqueza…

[O debuxo móbil do arco da vella chegou de Benetton: Flipbook!]

13 jun 2009

Os encantamentos

Os encantamentos, do mesmo xeito que os tesouros, son frecuentes no imaxinario galego. Así, e de igual maneira que noutros lugares e terras, sabemos de ruínas e remansos de ríos, de augas mortas, de lagos e lagoas, que están cheos de lendas que se viñeron transmitindo de xeración en xeración.

Nuns sitios é a fermosísima dama que se amosa peiteándose con peite de ouro alí onde se garda un tesouro agochado. Noutros son os mouros que custodian os fantásticos haberes dos mundos perdidos. E noutros é a galiña coa rolada que atrae ao camiñante no máis intricado do monte ou da fraga, e que desaparece por arte de encantamento no mesmo momento que a súa captura se cría cousa sinxela.

Estes encantamentos, presentes no imaxinario popular, fan que as xentes teñan por encantados moitos lugares. Por exemplo, os bosques escuros, as covas, as furnas, as grandes rochas, as mámoas, os pardiñeiros dos vellos castelos derrubados, etc. En moitas ocasións, supoñen que son mansións de misteriosos seres ou de terribles males en repouso. Algo semellante imaxinou, nun tempo máis moderno, o escritor americano H. P. Lovecraft na súa obra sobre os Mitos de Cthulhu. Pero iso xa é outra historia…

Os mitos de Cthulhu

10 abr 2009

As bruxas

Hai algunhas diferencias entre bruxas e meigas, aínda que tanto unhas como outras estímanse dotadas de idéntico poder escuro. Pero a palabra meiga posúe na lingua galega a dobre significación adxectiva de enfeitizadora, que atrae, que engaiola ou seduce.

A bruxa é capaz de ocasionar dano a outros sen que a descubran, e pode transformarse en mosca ou araña para penetrar nas vivendas dos demais. A bruxería transmítese de nai a fillas, e tamén por adestramento e por entrega ao demo.

As bruxas, segundo contan, ían aos seus aquelarres montadas en vasoiras. Así pasaba no Monte Neme, entre Carballo e Malpica (A Coruña). Nese lugar, e durante a noite de San Xoán, xuntábanse para levar a cabo os seus rituais. Outros, en cambio, defenden que tamén eran as meigas de Bergantiños as que acudían a ese monte.

Vítor Vaqueiro di que esa mesma noite de San Xoán, pero na praia de Areas Gordas, en Cangas (Pontevedra), as bruxas reuníanse ao redor dunha fonte. E tamén nunha fonte, pero en Castro de Famelga, en Augasantas-Cotobade (Pontevedra), xuntábanse os sábados.

Baba Yaga

A figura da bruxa aparece en moitas culturas. No folclore eslavo é moi coñecido o personaxe de Baba Iaga, que incluso foi utilizado por autores de contos de fadas modernos.

18 mar 2009

Os ananos

Os seres máxicos aínda residen nos contos populares de Galicia. Por iso, agora Contomundi presentará unha breve relación deses seres que están nos seus contos. Chamarase Imaxinario, pois este nome xa era unha realidade.

Vivimos unha época marcada por cambios profundos: a informática e Internet, o dominio da televisión, pero tamén a contaminación das terras e os mares, a desaparición de bosques e animais, a inmigración e a pobreza en moitas zonas do mundo. E cada vez son máis os que esquecen os mitos, as lendas e os contos. Mesmo ninguén sabe hoxe canto tempo sobrevivirán os seus personaxes míticos.

No noso Imaxinario, os ananos son seres alegres e caseiros, e case sempre invisibles. Algúns posúen longas barbas brancas e exercen desde lonxe un influxo máxico. Viven nas entrañas da terra, pero tamén nalgúns castros, penedos e grutas, e incluso no interior de vellas árbores. Crese que gardan inxentes cantidades de ouro. O escritor Álvaro Cunqueiro dixo que tamén gardan a nosa intelixencia, xa que é a maior riqueza que posuímos como mortais.

Estes seres parecen humanos pero de estatura máis reducida. Reciben diversos nomes, segundo a súa orixe e a súa tipoloxía máxica. Entre os máis coñecidos figuran os duendes e os gnomos. O escritor J. R. R. Tolkien foi un gran divulgador do seu mundo.

Curious Faery

Related Posts with Thumbnails