11 oct 2008

As fórmulas da marabilla II

Durante a invención e a elaboración de contos, como un estímulo creativo, na aula existen diferentes relacións de fórmulas para comezar e rematar historias. Esas fórmulas de inicio e final veñen das tradicións orais de diversas culturas, e de libros de autores de literatura infantil e xuvenil. Os nenos e as nenas usan ese material con liberdade. Incluso crean as súas propias fórmulas a partir dos modelos propostos, ou tendo en conta os seus descubrimentos persoais.

O uso deste vocabulario marabilloso non sería posible sen o traballo de recuperación desenvolvido por moitos investigadores, como Ana Pelegrín. Esta autora, que nos deixou hai ben pouco, sempre foi unha referencia para os interesados polo mundo do conto popular. In memorian.

La aventura de oir, de Ana Pelegrín

Fórmulas de entrada, ou de inicio Fórmulas de saída, ou final

Era unha vez...
Había unha vez... 
Nun lugar remoto ...
Hai moito, no tempo dos soños...
No inverno, na época da lúa chea...
Nun tempo no que a Terra aínda era nova...
Certo día...
Hai moitos centos de anos...
Noutros tempos máis antigos...
Contan os vellos no norte de África...
Érase que se era...
Vivía unha vez...
Nos tempos de María Castaña...
Para saber e contar e contar para aprender...
Hai moito tempo, cando os animais aínda falaban...
Hai moitos anos, cando o mundo estaba formándose...
Había unha vez, nun vello país...
Hai moito tempo, cando as galiñas tiñan dentes...
Aínda que é difícil de crer, unha vez pasou...

Foron felices, comeron moitas perdices e a min déronme coa porta nos narices.
E viviron felices moitos anos.
E colorín colorete, pola cheminea vai un foguete.
E viviron felices moitos anos.
E viviron felices para sempre.
E viviron felices ata o final dos seus días.
Colorín colorado, este conto xa está acabado.
E así será para sempre.
Entón, o galo cantou e este conto rematou.
Acabouse o conto e levouno o vento.
Pilin pin pin, este conto chegou ao seu fin.

Estas fórmulas da marabilla son un dos accesorios máxicos para xogar a inventar e escribir historias. A práctica actual amosarase, pouco a pouco, no noso blog de aula Escola de Ismaíl.

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails